miércoles, 10 de junio de 2009

O domingo 14 xuño imos ter varios actos reivindicativos na defensa dos ríos Tronceda e Figueiras, e polo tanto tamén da Fervenza. Consistirá nunha marcha pola maña dende os Muiños, facendo varias escalas, ata A Fervenza (Piscina do Coto). Remataremos cun xantar popular ao mediodía. Son actos aos que se pode asistir por separado, anque sería convinte participar nos dous.Organizarase un xantar popular para o que existen unhas listas para apuntarse no Rincón, Valeco e Zapateiro (Sandro). O custe é de 5 euros, nun principio. Quedamos en que se paga por adiantado en ditos locais, para que a xente se vexa obrigada a ir, por iso de que xa pagou. O que non poda apuntarse neses lugares ou se lle faga incómodo, que se poña en contacto nos teléfonos de contacto dos carteis. Quen o desexe pode levar comida pola súa conta e unirse a festa, nin que decir ten. Na marcha e no xantar tocarase música polos participantes, algúns xa están confirmados para tocar, os que poidades levade a vosa música tamén.

Saída da marcha: domingo 14 ás 12:30 h.

Xantar popular: domingo 14 ás 14:30 h.

O sábado 13 temos previsto unha proxección de fotos na Praza do Concello ás 23:00 h. prégase participación

miércoles, 18 de febrero de 2009

Rio Figueiras


Fervenza


Rio Tronceda


Manifesto fundacional da Plataforma Furapresas



Mondoñedo comprende un territorio que conta cuns importantes recursos naturais que tanto os cidadáns de hoxe en día, coma os nosos antepasados souberon valorar na súa xusta medida. Nalgúns casos, estes espazos naturais non teñen unha cualificación determinada que os sinale como un lugar de interese especial, a pesar de que dispoñen de importantes recursos naturais. Sen embargo, no concello de Mondoñedo tamén existe unha importante parte do seu territorio que está protexida pola lexislación actual; estamos a falar dos Lugares de Interese Comunitario (LIC) máis coñecidos como Rede Natura, trátase de espazos naturais sinalados pola Comunidade Europea como lugares a protexer pola importancia do ecosistema que sosteñen e a súa boa conservación.

Dous destes espazos naturais de Mondoñedo cualificados como Rede Natura e protexidos pola lexislación urbanística e medioambiental, están sendo ameazados pola inminente construcción de minicentrais hidroeléctricas. Estes proxectos están sendo promovidos por empresas privadas que responden a un interese particular, en contraposición ao interese xeral dos mindonienses. Estas minicentrais, e outras semellantes nos ríos galegos, están atopando unha importante contestación social que culminou coa iniciativa lexislativa popular pola que se aprobou a Lei de Ríos.

Minicentral Salto do Cabana.

Está prevista nas inmediacións da Area Recreativa da Fervenza, tamén coñecida como Piscina do Coto. Entre as consecuencias que traería para a zona este proxecto encontrámonos coa limitación do caudal actual nun 90 %; o cal supoñería a práctica desaparición do río, converténdose nun regato que ademais non chegaría nin para encher a piscina fluvial, ademais das importantes afectacións ambientais no ecosistema. Estamos ante un proxecto que de levarse a cabo afectaría a un LIC Rede Natura apreciado polos mindonienses e os visitantes, para o seu tempo de lecer. Polo tanto, consideramos que o interese xeral non pode sucumbir ante o interese particular das empresas.

Minicentral Río Figueiras.

O encoro da minicentral prevista estaría situado no lugar de Romeo, en Figueiras, e o seu canle de derivación chega ata a Ferrería en Viloalle, afectando ao río nun tramo que supera os dous quilómetros. Proba da importancia deste río é que a cualificación como LIC da Rede Natura afecta so ao río, polo que se si ve afectado pola construcción desta minicentral perdería a cualificación como Rede Natura.


Recollendo o sentir popular dos mindonienses, queremos manifestar a nosa oposición á construcción destas minicentrais hidroeléctricas, mediante os argumentos anteriormente sinalados. Así mesmo, comunicarlle ás empresas e organismos afectados que mediante a creación desta Plataforma, pretendemos facer valer os nosos dereitos e intereses lexítimos, en canto á conservación dun medio ambiente sostible, e duns recursos sociais e turísticos que tamén se verían afectados coa construcción das minicentrais proxectadas.

Hoxe 12 de Febreiro do 2009, no Centro Comarcal A Mariña Central, ás 22:30 horas queda constituída a “Plataforma Furapresas”.